Volume I: Pensamento O pensamento de Ramón Piñeiro resulta do esforzo hermenéutico para apreixar a idealidade que explica a acción política de toda unha xeración. Este libro pescuda no seu papel na reelaboración do herdo do galeguismo e na súa contribución á renovación da reflexión sobre a realidade dun país. Unha traxectoria que leva da idealidade do pensamento á acción política comprometida coa idea de Galicia como patrimonio político. Volume II: Acción política Neste libro ofrécese unha reflexión sobre o período que vai do ano 1943 a 1981. A figura central do seu protagonista, Ramón Piñeiro, resume as ilusións, angurias e fracasos que viviron e padeceron os compoñentes da mocidade galeguista -unha "xeración irrepetible"- que sobreviviu á Guerra Civil. Os mesmos que mantiveron viva a reivindicación dos dereitos políticos do pobo galego. Para comprender unha das figuras fundamentais do galeguismo do século XX.