Cinepoemas é un proxecto interartístico vangardista que ensambla texto e fotograma nunha fusión creativa tan vital como orixinal. Un paseo poético pola historia do cine dende Charlot a Woody Allen. Unha revisión dos mitos da sétima arte dende Frankenstein a Marilyn Monroe. Unha evocación das obras mestras da arte máis contemporánea dende o cine mudo ao cine de autor. Unha reflexión ao tempo emotiva e crítica sobre a educación sentimental da sociedade actual. Claudio Rodríguez Fer, poeta e prosista de abondosa e variada obra traducida a máis de trinta idiomas, decantou en Cinepoemas a súa integral paixón polo cine universal, sen esquecer o galego, en harmonía experimental coa deseñadora Cristina Fiaño.