Alborada de Edipo comeza explorando as orixes do teatro e vai dar, por fado ou magnetismo, ao misterio de Edipo, que simboliza o basamento da Orde Humana. É, por tanto, un autorretrato colectivo que se albisca xa no texto literario máis antigo que coñecemos: o Poema de Xilgamesh, e madura en obras clásicas como Edipo rei de Sófocles, Hamlet de Shakespeare ou Frankenstein de Mary Shelley, en relatos populares procedentes dos Balcáns, de Norteamérica ou da Polinesia, en contos máis próximos, como Branca de Neve ou Hansel e Gretel, no Sigfrido de Wagner, e en creacións como Moby Dick de Melville, Don Hamlet de Cunqueiro ou Superman de Siegel e Shuster. Toda esta materia, creada en culturas tan distantes no espazo e no tempo, comparte, de maneira máis ou menos clara, unha estrutura argumental que sustenta o fenómeno chamado Edipo. Este sinal foi o que nos puxo a camiño, hai xa tempo, en procura dunha revelación que intuíamos remota. E foron diversas as que o camiño nos outorgou, tanto da man dos textos "canónicos" como doutros aparentemente alleos ao "xénero edípico". E así, baixo o mesmo mencer co que partíramos, logramos chegar, igual que Ulises, igual que Edipo, si, á nosa patria, á nosa verdade. Mais a pretensión de Alborada de Edipo non é proclamar A Verdade, e moito menos explicala. Alén das interpretacións que se veñen dando ao tema desde finais do século XIX, nas páxinas que veñen a seguido leremos: Edipo somos nós: materia viva, e explicar a materia viva, fixala, é tirarlle o alento. Conque o presente traballo non resolve nin conclúe, só comparte unha experiencia ou, como moito, convida a unha viaxe, que debe ser feita en soidade, e con risco de extravío, pola beira do misterio que nos impulsa en espiral contra as múltiplas formas de alienación que o mundo deita ao noso paso.