Parece unha formiga, pero é unha mancha, é unha mancha, pero parecen pegadas, parecen pegadas, pero son restos dunha festa, son restos dunha festa, pero parecen os meus lunares, parecen os meus lunares, pero é un 8 esmagado? Poético, enigmático, reflexivo, ás veces transcendental? ?Parece unha formiga? é un conxunto de textos ilustrados, ou de ilustracións que deviron en ideas, palabras, frases encadeadas que medran en intensidade e riqueza a cada páxina. Nesta nova obra como escritor e artista, Pablo Otero recréase en verbalizar pensamentos, airear os recunchos esquecidos do subconsciente, sen reparo -dende a liberdade e o desafío- a chamar cousas ás cousas. O autor e ti na confianza dunha mesa compartida nun café ou na cercanía dun paseo a carón do río, que é tanto como dicir na intimidade do papel. Porque este libro quere ir contigo, na túa carteira ou no teu peto, respirar o aire que respiras, ir ao ritmo dos teus pasos, mimetizarse coa túa pel.