Unha edición grande e acartonada do clásico ilustrado, agora en galego, ideal para contar e compartir. “A que sabe a lúa ” é, sen lugar a dúbidas, unha das publicacións máis emblemáticas do catálogo de Kalandraka. Desde a súa publicación en 1999, máis de 500.000 exemplares deste relato de solidariedade e soños compartidos teñen viaxado a fogares, escolas ou bibliotecas nos diferentes idiomas nos que foi editado: galego, castelán, català, euskara, portugués, inglés, italiano... Kalandraka achéganos agora en lingua galega este clásico contemporáneo nun novo formato en cartoné e tamaño excepcional, ideal para ler en grupo e que de certo se converterá nun recurso imprescindible para mediadoras, escolas e bibliotecas. “A que sabe a lúa ”, escrito e ilustrado polo autor e ilustrador polaco Michael Grejniec, é un libro especialmente recomendado para primeiros lectores. Basea a súa estrutura nas repeticións e na acumulación de personaxes, un recurso moi frecuente na literatura de tradición oral. Esta obra convida a ser contada, conseguindo unha grande interacción entre o narrador e os receptores.