Coa presente Historia da Literatura Galega, da que este é o primeiro volume dos catro que conformarán a obra, preténdese configurar un relato coherente e eficaz da produción literaria de noso dende a Idade Media até a actualidade da man de Xosé Ramón Pena, un autor de indubidable prestixio no eido da historia da literatura e en permanente diálogo crítico coas diferentes perspectivas da análise investigadora. Entender os textos literarios como un proceso artístico e comunicativo e, en consecuencia, analizar aqueles recursos retóricos dos que se serviron os seus creadores;comprender a literatura como unha herdanza e examinar as circunstancias sociais e políticas que rodean o nacemento, desenvolvemento e recepción das obras;considerar a propia traxectoria das creacións literarias en relación co devir da ferramenta lingüística que lles dá soporte: velaí a arela que guía as páxinas deste primeiro volume da Historia da Literatura Galega. Un tomo, Das orixes a 1853, dedicado ao longo período que vai desde o medievo, coa brillante etapa dos trobadores, pasando polo tempo dos denominados Séculos Escuros, para finalizar no ano de publicación d´A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos, nos inicios do Rexurdimento.