Un conto inspirado nas antigas ensinanzas hindús para reflexionar e para sabelo todo sobre os tigres de Bengala. Un vello erudito que vive rodeado de libros nos que aprendeu todo o que sabe do mundo decide investigar o único animal do que non ten coñecemento ningún: o tigre de Bengala. Tras mergullarse nunha extensa lectura de todas as guías dedicadas a estas criaturas, embárcase nunha expedición científica cara á India e, en compañía dun guía local, intérnase na selva para encontrar un exemplar de Panthera tigris. Avanza entre a maleza interpretando pegadas e sinais e impoñendo o seu coñecemento lido nos libros ás advertencias do seu acompañante, que coñece a selva como a palma da man. É suficiente todo ese coñecemento teórico para ser un verdadeiro especialista No encontro cara a cara coa besta descubrirá a resposta. Este álbum con estrutura narrativa de conto, inspirado nas ensinanzas do mestre bengalí contemporáneo Swami Prajnanpad, fálanos do valor da experiencia como fonte de coñecemento. Faino a través dun relato que destila unha fina ironía e un gran sentido do humor, ao mesmo tempo que informa con gran rigor sobre os tigres de Bengala. As ilustracións combinan láminas de carácter científico en branco e negro ao estilo dos gravados de época decimonónica con outras nas que se van revelando lentamente as cores da xungla: as follas verdes, ocres, marróns e finalmente un tigre laranxa tan impactante como a impresión que ten o protagonista no seu encontro co felino.