Tom Ripley sobrevive en Nova York grazas ao seu enxeño para a estafa mentres soña cunha vida fácil. É un experto na falsificación de documentos e ten un extraordinario talento para imitar características persoais. Un día, o millonario Herbert Greenleaf ofrécelle unha viaxe a Europa para traer de volta o seu fillo Dickie, quen leva unha vida bohemia e pracenteira na costa italiana. Ripley acepta a misión e comeza a argallar plans para sacar todo o partido posible da súa experiencia en Italia. Pouco tardará en intimar con Dickie e coa súa noiva Marge, cos que establecerá un triángulo de amizade. Pero aos poucos Ripley desenvolve unha relación morbosa e sedutora co seu novo amigo: adopta os seus mesmos gustos e comeza a vestirse coa roupa de Dickie, quen entón comeza a rexeitalo. Hipnótica e brillante, O talento de Mr. Ripley, gañadora en 1957 do Grand Prix de Littérature Policière, é unha das obras mestras do suspense que transcendeu os códigos do xénero e que supuxo o nacemento do sociópata máis fascinante da literatura universal.