Publicada por primeira vez en 1939, meses despois da morte en París de Joseph Roth, onde vivía exiliado, «A lenda do santo bebedor» está considerada o testamento literario de quen foi un dos narradores centroeuropeos máis admirados do século XX. André Kartak, é un clochard orixinario -como Roth- das provincias orientais do Imperio austrohúngaro. Unha noite atopa, baixo as pontes do Sena, un enigmático home traxeado que lle ofrece douscentos francos coa única condición de que no futuro llos entregue en doazón ao cura dunha capela. Dende entón a súa vida será un continuo achegarse e perderse no camiño -entre vellos amigos, antigas amantes e borracheiras- para cumprir o seu imposible compromiso.