Mateo tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar polos estraños negocios que lle ofrece Silvio, o seu mellor cliente e un vello amigo co que se sente en débeda. Ao mesmo tempo, mentres se esforza en superar a morte dos seus pais nun accidente de tráfico, ocúpase de atender a Eulalia, unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto. Na loita por superar a súa orfandade e non renderse ante as circunstancias, procura o apoio de Andrés, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionar as súas dúbidas de fe. A inesperada aparición de Irene na cidade, unha relación que o marcou para sempre, e o descubrimento da Barronka, un edificio rehabilitado por un grupo de anarquistas, prenden en Mateo unha chama de esperanza para seguir vivindo. Pero os seus terrores non están dispostos a abandonalo. Todo é unha lembranza. A lembranza bañada en sangue dos derradeiros días da súa vida.