Nunca tiven nin auto, nin moto. O máximo que cheguei a guiar foi unha bicicleta escangallada, e total para que ó segundo día de estacionala na cidade, uns mangantes me cortaran os freos. Tampouco nunca souben aprezar a suposta beleza de catro latas brillantes afumando ós sufridos peóns. Emporiso teño unha chalana pintada pola man do meu avó de branco e vermello;cando era cativa vogueina a carón de papá e de padriño. Lembro con estrañeza a lixeireza do remo, en aparencia pesado de máis para os meus brazos de nena. A min respondíame amorosamente, deslizábase entre as ondas como unha culler revirando o leite. A vida das chalanas, de case todo animal, é máis curta cá dos humanos e a isa disparidade nunca nos damos afeito. Agora agarda varada no baixo da casa, morta coido que non está, pero casi. Eu négome ó despece, soméllame que se iría un ser máis da familia. As dúas temos o mesmo nome e cando me preguntan quen son, nunha íntima brincadeira ante tanta pedantería, eu só fico segura de chamarme como a nosa chalana;intúo que esa particular circunstancia garda a cerna remota da miña identidade. Os seus chicotes son o cordón umbilical que me mantén firme e unida á terra, á orixe, ós ancestros;algún día levarame de volta. Os solitarios, bebedores e vagabundos de ?Fin de Festa? forman parte desa mesma identidade, unha intelección do mundo tolerante, solidaria, non desde a condescendencia senón desde o asombro, admirada do afán por sobrevivir con dignidade. Móveme o amor a algo inaprensíbel, o que non me impide a denuncia ante a inxustiza e o abuso dos de sempre. Por iso, sobre o canto ós ?saudosos? protagonistas do libro, paira tamén o mundo das drogas, representado por Susi Arnela, unha rapaza que podería ser calquera, cos narcos facendo millóns a conta dos máis inxenuos, coa agravante de que as súas vítimas adoito son xente nova e por tanto inexperta. Na miña terra levou a varias xeracións por diante, transformou en zombis como os que Susana soñaba premonitoriamente, o que debera ser unha xuventude vigorosa, protestataria, ávida de vida.? Diana Varela