A PROPIEDADE DO VENTO GALEGO O desenvolvemento do sector eólico en Galiza (1995-2011)Neste libro, a autora analiza e contrasta as políticas de fomento da enerxía eólica levadas a cabo nos principais países produtores do mundo (China, Alemaña, Estados Unidos e o Estado español), en países pioneiros (Dinamarca, Reino Unido, Francia e Holanda) e en áreas potencialmente significativas (Xapón, Lituania e América Latina), tanto en enerxía eólica terrestre como en enerxía eólica offshore.Centra o seu estudo na caracterización do marco normativo desenvolvido en Galiza desde o ano 1995 até a actualidade, analizando as diferentes etapas en función da normativa en vigor e determinando a potencia eólica instalada en cada unha desas etapas. Estuda de xeito pormenorizado o concurso eólico do goberno bipartito da Xunta de Galicia, así como o primeiro concurso eólico do actual goberno, definindo as principais fortalezas e debilidades de cada un. Ademais, presenta a titularidade da potencia eólica instalada en Galiza, chegando a configurar o actual atlas empresarial eólico de Galiza, en que a participación de empresas de capital estranxeiro é notabelmente significativa e superior á das empresas de capital maioritariamente galego.Galiza converteuse nunha potencia eólica, un territorio que serviu de campo de probas a desenvolvementos posteriores noutros lugares, que transformou en parte o sistema enerxético galego e español e que modelou a paisaxe. Este papel destacado posibelmente se manteña no futuro, mais o prezo que houbo que pagar quizás fose demasiado alto.O vento seguirá chegando aos montes galegos, mais o vento de Galiza xa non é galego e, de mantérense as circunstancias que o fixeron posíbel, non volverá a selo.