Sinposis O Teatro Circo -o primeiro grupo galego de Teatro Independente- desenvolveu a súa actividade entre 1967 e 1978. Neses once anos de existencia, o colectivo coruñés desempeñou innúmeras tarefas en diversos ámbitos relacionados co noso teatro, converténdose nun instrumento decisivo na restauración da dramaturxia galega durante o Franquismo e na súa posterior evolución. Así, esta agrupación non só virou un referente nos palcos, mais tamén se ocupou de aspectos como a formación integral dos seus membros á volta do feito teatral e o enriquecemento da literatura dramática galega -encenando textos de autores novos, reactivando pezas dos clásicos ou dando a coñecer no noso idioma obras fundamentais da dramaturxia clásica e contemporánea-. Alén diso, atendeu á pesquisa arredor das correntes teatrais máis destacadas do século XX e interesouse, aínda, pola divulgación da historia do teatro galego a través de diversas publicacións na imprensa e nas revistas especializadas. Por outra parte, o Teatro Circo estivo presente, ben como organizador ben como participante, nos principais encontros teatrais que se celebran na altura en Galiza e no Estado español;promoveu diversas plataformas asociativas no país;serviu como escola -cubrindo, aliás, un vacío institucional- a moitos actores que formarían parte posteriormente do teatro profesional;e mantivo unha fluente comunicación cun elevado número de colectivos teatrais galegos e peninsulares.