"A cidade dos nenos" é un proxecto impulsado en 1991 por Francesco Tonucci no seu Fano natal -de 60.000 habitantes- partindo da filosofía de que unha cidade á medida da infancia redunda nunha maior calidade de vida para toda a veciñanza. Así, impulsou a creación dun Consello Municipal da Infancia para que os máis novos colaborasen no deseño e na planificación dos servizos e dos espazos urbanos. A partir de 1997 a iniciativa foise estendendo por numerosas cidades de Italia, España, Arxentina, Chile, Colombia, México, Paraguai, Uruguai e Perú. Trátase da primeira tradución ao galego desta obra do prestixioso autor, colaborador de figuras tan destacadas como Gianni Rodari e Mario Lodi. Saír sós da casa e ir á escola de xeito autónomo, recuperar o tempo de lecer, xogar no espazo urbano peonil e deixarlles experimentar, son algúns retos da alternativa á sobreprotección.