Sobre os bosques galegos sempre circularon lendas, algunhas máis fantasiosas e outras certamente baseadas na propia historia do lugar. Na foresta máxica das Fragas do Eume, os relatos lendarios e misteriosos gozaron sempre dunha vitalidade sen parangón e aínda hoxe son lembrados. Dese espírito de conservación das lendas nace esta compilación de relatos nomeadamente etiolóxicos, históricos e haxiográficos desenvolvidos nun amplo cerco histórico que vai dos tempos previos á chegada dos romanos á actualidade, cunha especial presenza da tradición medieval. A través de máis dunha vintena de mitos, estas páxinas percorren a historia dunha paisaxe, dunha natureza, dunhas aldeas, vilas e xentes que alentan e dan vida a elementos clave para a identidade dun pobo.