A que responden as escenificacións de Kylie Jenner, a menor das Kardashian, ante ese espello que é o teléfono móbil? Por que milleiros de persoas viven pendentes do seu Instagram? Que pasou neses tres días en que Marilyn Monroe foi fotografada constantemente no hotel Bel Air? Por que a emperatriz austríaca Sissi tiña unha sala dos espellos? Que lle di o espelliño á madrasta de Brancaneves? E por que deberiamos dicir «nai» e non «madrasta»? Mordaz e intelixente, Strömquist reflexiona nesta banda deseñada sobre até que punto a ditadura da imaxe e do espello (en todas as súas formas) minou o modo como nos relacionamos co noso corpo e, en especial, cos corpos das mulleres. Igual ca n´A froita do coñecemento, Strömquist ofrécenos Na sala dos espellos unha maridaxe perfecta de referentes históricos e da cultura pop co apoio teórico de grandes figuras do pensamento como Susan Sontag ou Byung Chul-Han.