Nova edición do cómic de Jorge Campos que no 2017 conseguiu o Premio á mellor Banda Deseñada na Gala do Libro Galego 2017. A nova edición inclúe unha bolsa de tea de algodón ilustrada polo autor. Unha illa misteriosa na que ocorren cousas extraordinarias. A que parece imposible darlle a volta a este argumento e construír con el unha historia orixinal? Pois Jorge Campos conségueo con esta banda deseñada diferente desde todos os puntos de vista. Un cómic sen palabras con moitos niveis de lectura. Universos paralelos, un personaxe que vai decidindo que facer e como naqueles libros de «Escolle a túa propia aventura» nos permite saber que lle pasou tras calquera das súas decisións. Un labirinto narrativo que se estende como as páxinas deste libro en forma de acordeón sobre a mitoloxía popular sobre illas misteriosas. O ilustrador galego é quen de cinxir unha morea de referencias, desde Verne a Stevenson, de Defoe a Homero, de Pinocho e Moby Dick a Lost e O Señor das moscas.