A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea é un libro divulgativo que recompila historias e memorias de persoas que viviron alén da norma sexual na Galiza dos últimos cento cincuenta anos. A través de fontes de arquivo e xornalísticas reflexiónase sobre algúns dos itinerarios que estas persoas tiveron que percorrer e o seu enfrontamento co xugo dunha sexualidade obrigatoria que as condenaba ás marxes e ao ostracismo. Este libro parte coa conciencia de que a saída dese caixón agochado no que a historia depositou as disidentes sexuais é un paso imprescindible á hora de articular unha memoria LGBT na Galiza de hoxe. Para isto, o desenvolvemento do traballo non se centra nun relato exhaustivo sobre a disidencia sexual e de xénero en cada unha das épocas investigadas, senón que estas se configuran como pequenas xanelas das que se extraen historias e memorias de persoas diversas. Persoas perseguidas, aceptadas, toleradas ou reprimidas. Vidas, a fin de contas, necesarias para unha reflexión actual e colectiva sobre o pasado, o presente e o futuro das disidentes sexuais que poboamos hoxe o país galego.