GHYJWKGreguería, haiku, caligrama, poesía concreta, soneto visual, poesía tipográfica, experimentación... Cousas... Con permiso de Castelao. É do que se compón G, título que fai referencia a Greguería, pero tamén a Galego, a materia coa que está feita a obra. A expresión concreta do idioma representada por unha letra que se converte en homenaxe ao dicionario, ese libro escrito sen Grandes palabras, sen maiúsculas, pero que dá entrada a todas as voces, ao H mudo e aos sons excluídos pero non inexistentes na lingua: Y, J, K, W. Un "G" con ou sen G"H"eada e o seu séquito alfabético que aquí se ordena a modo de particular abecedario para enumerar as seis partes do libro: "G" de Greguería, de Galego e de Ghaliza. "H" de Haiku e de Horizonte. "Y" de Yin-Yang e Ye-Yé ou viceversa. "J" de Jaiku Jam sessión Jazzzzzzzz. "K" de Kú de Hai-Kú, de Kamikace e de Kamiño. "W" de VVisual ou Wisky, unha invitación a ver dobre.