A Rede Temática de Investigación «Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano» (LIJMI) celebra o vinte aniversario da súa creación cun recurso imprescindíbel para as persoas que investigan a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), pero tamén cunha ferramenta útil para aqueloutras que median entre o libro e a lectura. Con este novo monográfico, «Investigación e crítica na LIX do marco ibérico e iberoamericano (2004-2024)» danse a coñecer as accións desenvolvidas no eido da investigación e da crítica da LIX no século XXI. O lectorado interesado pode atopar nesta publicación estudos panorámicos que abordan a situación existente nos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco, brasileiro, chileno e mexicano, así como un conxunto de obras de obrigada consulta, varias delas comentadas, que poden resultar de grande utilidade para o estudo das literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano. Entre esas obras, atópanse tamén aquelas coas que as persoas integrantes de LIJMI foron cubrindo lagoas nos estudos das literaturas infantís dos distintos ámbitos que integran esta rede de investigación.