Este volume parte das conferencias lidas no Simposio Antroponimia e lexicografía organizado polo Instituto da Lingua Galega (USC) en 2016, continuación dunha serie de encontros comezados no ano 2000, coa colaboración desde o inicio do Consello da Cultura Galega. Reúnense aquí contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos, tanto desde unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos (Italia, Reino Unido e Irlanda, Estados Unidos, Galicia), así como a conexión entre a antroponimia e o léxico común (a deonomástica) e sobre aspectos específicos do estudo da antroponimia galega (problemas etimolóxicos, sobre a transmisión dos apelidos e o estudo histórico dunha área concreta). Tamén se realiza por primeira vez unha aproximación ao valor simbólico dos apelidos en Galicia. Quérese, en definitiva, con este volume, contribuír ao tratamento lexicográfico dos apelidos e afondar no coñecemento deles no noso territorio.