Ao longo do recorrer de todo un ano, o autor centra as súas vivencias nos momentos pasados arredor da mesa. Un libro para gozar das comidas e para as gorentar, tamén como materia literaria. A historia dos alimentos, os seus sabores e as súas texturas, as casas de comidas, a lembranza de lecturas e receitas, configuran un libro no que os pracer es e os días se vencellan ao cotián acto da alimentación.Xavier Rodríguez Baixeras arrinca este diario en Estambul para o rematar nunha viaxe de Nadal a Florencia, o tempo que queda entre estas dúas datas configura un percorrido dun ano polas súas experiencias como amador da comida, nun relato no que a literatura e a cociña van da man, inseparablemente unidas. Moreas de curiosidades arredor da arte culinaria, da súa histoira, dos restaurantes e casas de comidas que visita o escritor, das lembranzas que lle suxire este ou aqueloutro manxar fan do ´Diario de comidas´ un libro cunha grande variedade de temas tratados con narturalidade, sabedoría e unha grande capacidade para contaxiar o entusiasmo pola cociña. Baixeras escribe para volver gozar das comidas e, ao falar delas, estende ese pracer ao mundo da literatura, contáxiallo aos lectores e lectoras a través dun relato cheo de interese que é moito máis que un diario gastronómico. Un libro que une inextricablemente a arte culinaria coa arte de contar.