Miguel é un mozo novo, orfo de nai, que será criado polos avós baixo unha disciplina férrea baseada na autoridade propia da ditadura franquista. Despois dun misterioso accidente sufrido polo pai, Miguel vese na obriga de levar o peso do traballo que se fai na casa duns bos labradores como son os de Branco. Con todo, el nunca deixa de soñar cun proxecto de vida que lle permita habitar a aldea dignamente. Nin o desengano amoroso, nin o tráxico acontecemento que lle cambia a vida conseguirán afastalo do camiño. Tras «As rapazas de Xan», un emotivo retrato do rural da Galicia de mediados do século XX, e «Que non te aten», un poderoso relato protagonizado por gandeiros, Manuel Iglesias Turnes escribiu «Os soños de Miguel», novela ambientada na década de 1970 para plasmar o momento en que Galicia pasaba do autoconsumo a figurar entre as zonas máis importantes de Europa en produción de leite.